luns, 11 de decembro de 2017

IV CONCURSO DE TRABALLOS POR PROXECTOS: DESCUBRIMENTOS E INVENTOS


A Biblioteca vén de gañar un dos premios do IV Concurso de Traballos por Proxectos convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na modalidade Proxectos Documentais Integrados coordinados desde a Biblioteca escolar. A resolución da convocatoria aparece hoxe publicada no DOG. 

Como coordinadora, quero agradecer ao equipo da biblioteca (Sonia Omil, Mila Torrado, Mariola Rodríguez e Carlos Cid) o seu traballo,  o seu esforzo e o seu ánimo para que este proxecto saíra adiante. Son moitas as horas de adicación que merecen ser recoñecidas.

Tamén debo agradecer ao profesorado a boa predisposición para implicarse nos proxectos que, desde a biblioteca, propoñemos. Somos conscientes de que, ás veces, supón un grande esforzo pero, aínda así, deciden adicarlle algunhas sesións a ver algún dos contidos curriculares enlazados coas nosas propostas. O certo é que a implicación do profesorado é indispensable para facerlle chegar o proxecto ao alumnado.

Comparto con todos e todas vós o proxecto que presentamos e o blog no que está aloxado. 

E, de novo, grazas pola vosa colaboración.

DEREITOS DOS POBOS INDÍXENAS

O 10 de decembro conmemórase o Día Internacional dos Dereitos Humanos. O alumnado de 3º PMAR quixo recordar este día, lembrando aos pobos indíxenas. Segundo datos de Nacións Unidas, existen polo menos 5000 pobos indíxenas compostos por uns 370 millóns de persoas en máis de 90 países dos distintos continentes. 
O 13 de setembro deste ano celebrouse o 10º Aniversario da Declaración da ONU sobre os Dereitos dos Pobos Indíxenas. Esta Declaración "é o instrumento internacional máis completo que existe sobre os dereitos dos pobos indíxenas. Nel establécese un marco universal de normas mínimas para a supervivencia, a dignidade e o benestar dos pobos indíxenas e tamén se profundiza nos instrumentos dos dereitos humanos existentes e se clarexa como estes se aplican á situación particular dos pobos indíxenas" (Nacións Unidas).
Deixámosvos a selección feita polo alumnado dalgúns dos artigos desta Declaración. Este traballo elaborouse dentro do Proxecto Documental Integrado "Rescatando Culturas"

sábado, 25 de novembro de 2017

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O venres 24 de novembro tivemos un acto moi especial. O Equipo da biblioteca elaborou unha presentación sobre a violencia que sofren as mulleres no Congo e sobre a mutilación xenital feminina. Relatos en primeira persoa realmente estremecedores. Mila Torrado, membro do equipo, leu de xeito maxistral e emotivo dúas desas historias, tan brutais como reais. 
Tamén o alumnado tivo o seu protagonismo. Alberto Lago e Rebeca Pérez abriron o acto, compartindo con nós as súas mensaxes contra a violencia machista; e o alumnado de Igualdade, de 1º de bacharelato, cedeunos os vídeos realizados para esta materia.
Asistiron os alumnos e alumnas de 1º e 2º de bacharelato. Esperamos que compartisen con nós ese sentimento de rabia e impotencia ante esta dura realidade e fagan súas as palabras de Bernarda López Ramírez, defensora Xinca dos dereitos indíxenas en Guatemala:

La lucha no termina
la lucha continúa
no hay peor lucha
que la que no se hace.


LECTURAS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

PAPIROFLEXIA CON LAIA

Agradecemos a Laia a sesión de papiroflexia que compartiu co alumnado habitual da nosa biblioteca.


                                                                          





venres, 17 de novembro de 2017

DOCUMENTAL SOBRE HEDY LAMARR

O curso pasado celebramos o Día do Inventor e da Inventora dentro do proxecto "Descubrimentos e Inventos". Recordaredes que, ese día, tamén comezamos o concurso Descubre as mulleres, no que tiñades que averiguar quen era a muller da foto e a que se adicaba.
Esta foi a primeira foto: Hedy Lamarr, actriz, pero tamén inventora do que se chamou "espectro ensanchado por salto de frecuencia", un sistema de comunicación que é a base de tecnoloxías como a Wifi ou o Bluetooth.
Hoxe lembrámola porque un documental, Bombshell: The Hedy Lamarr Story, dirixido por Alexandra Dean e producido por Susan Sarandon, recupera a faceta investigadora desta muller extraordinaria. Estréase o 24 de novembro.
Déixovos un enlace por se queredes ampliar a información: ¿Aún no conoces a Hedy Lamarr?



xoves, 16 de novembro de 2017

BURBULLA CULTURAL: PAPIROFLEXIA

Por fin comezamos a Burbulla Cultural e nada mellor para a inauguración que unha sesión de papiroflexia. Laia Galcerán ensinará a todos e todas, as que queirades participar, a facer figuriñas de papel.
Contamos con vós!


domingo, 5 de novembro de 2017

MES DA CIENCIA EN GALEGO: CHARLA SOBRE A BIOPSIA LÍQUIDA

O venres pasado tivemos a sorte de recibir a visita dos investigadores do grupo Oncomet do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela. Alexandre De La Fuente e Laura Muinelos informáronnos sobre a investigación que están levando a cabo. Trátase de detectar o cancro cunha técnica non invasiva similar a unha análise de sangue, a Biopsia Líquida.
A súa exposición clara e precisa deunos a coñecer o seu traballo e as vantaxes da aplicación desta técnica.
Asistiu o alumnado do Ciclo de Enfermaría, de 1º de bacharelato científico e 3º PMAR. Todos e todas elas disfrutaron das interesantes explicacións sobre as investigacións que este grupo está a desenvolver. Participaron, tamén, da ilusión dos proxectos que están a realizar; tal foi a empatía cos ponentes. 
Neste Mes da Ciencia en Galego, este é un exemplo máis de que a ciencia está ao alcance de todas as persoas e unha mostra máis do que se está a facer en Galicia.
Grazas Laura, grazas Alexandre por achegarnos un pouco máis o mundo da investigación.




sábado, 28 de outubro de 2017

OUTRAS MORTES

Chegado o Día de Defuntos, parece axeitado facer un pequeno percorrido por outras culturas para coñecer como se enfrentan á morte. 
Adicamos un apartado especial ao Día de Defuntos en México.



venres, 27 de outubro de 2017

CONCURSO "CONTA A LENDA..."

Comezamos proxecto e comezamos concurso. Xa sabedes que este ano imos traballar o tema "Rescatando culturas". Queremos darvos a coñecer a diversidade de pobos ao longo de todo o mundo, para que valoredes e repectedes estas culturas. 

Propoñémosvos que fagades un relato, tomando como punto de partida unhas imaxes relacionadas co proxecto. A historia podedes inventala. Oxalá espertemos a vosa curiosidade e investiguedes o pobo da imaxe que escollades.
         

          

venres, 20 de outubro de 2017

DÍA DA BIBLIOTECA


O 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. Este curso queremos darvos a coñecer distintos proxectos, postos en marcha por persoas particulares ou asociacións, ao longo de todo o mundo.  Todas as persoas implicadas neles apoian a creación de bibliotecas e pasean libros, realmente viaxeiros. O obxectivo: fomentar a lectura en lugares de difícil acceso ou en barrios con dificultades para acceder a eles. Son as bibliotecas ambulantes e o noso proxecto Aprendendo cos libros. Paséate pola biblioteca.


luns, 2 de outubro de 2017

RESCATANDO CULTURAS

Despois do descanso do verán e das tarefas organizativas de principio de curso, retomamos o blog como canle de comunicación con todos e todas vós, esperando a colaboración de toda a comunidade educativa. 
Xa sabedes que a vosa participación e as vosas aportacións son imprescindibles para que este proxecto siga adiante. Son moitas as ideas ás que lle estamos dando forma e que, pouco a pouco, irán vendo a luz. De momento, queremos presentarvos o Proxecto Documental Integrado que coordinará a biblioteca este curso: Rescatando Culturas. Comezamos a nosa viaxe co obxectivo de coñecer, visibilizar e defender eses pobos que, non por lonxanos, deben quedar no esquecemento.




martes, 27 de xuño de 2017

PREMIOS "DESCUBRE A IMAXINACIÓN"

Como clausura ao Proxecto Documental Integrado, "Descubrimentos e Inventos", coordinado pola biblioteca, quixemos premiar no festival de fin de curso os mellores traballos realizados polo alumnado en tres modalidades:
               - Premio ao mellor mural
               - Premio á mellor maqueta
               - Premio ao mellor traballo en formato dixital

Tamén agradecemos á profesora Susana Oubiña a súa colaboración coa biblioteca e a súa implicación neste proxecto.





                   
                Web Grupo UV
                Web Grupo Pegadas

domingo, 18 de xuño de 2017

AMORES (IM)POSIBLES DE LORENA PARADA

Lorena Parada Quintáns, alumna de 1º ESO do IES Castro Alobre, foi seleccionada como finalista no V Certame de Relato Curto organizado pola FANPA de entre os 804 relatos presentados.

Segundo as bases do Certame, o relato titulado Amores (im)posibles foi editado nun libro pola editorial Kalandraka xunto co relato feito expresamente para o certame polo escritor Xabier P. Docampo. Ademais os textos finalistas,como o de Lorena, publicaranse no Diario de Pontevedra no verán.

A entrega do exemplar do libro e o diploma de recoñecemento levouse a cabo nun acto no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra o pasado 30 de maio ás 19:00 horas.

Ana Castro


venres, 2 de xuño de 2017

BURBULLA CULTURAL

Deixámosvos un resumo das últimas actuacións na Burbulla Cultural. Pedimos desculpas pola tardanza e agradecemos a todos e todas, as que participastes, a vosa boa disposición para colaborar con nós. De certo, temos grandes artistas no instituto. Xa sabedes que, para o próximo curso, podedes dispor deste espazo para amosarnos as vosas habilidades.

Parabéns!


          

martes, 30 de maio de 2017

PAISAXES SONORAS NA/DA BIBLIOTECA

Agradecemos a Paloma,  profesora de Música, e ao alumnado participante nesta experiencia musical a súa boa disposición para mostrarnos o seu traballo na Burbulla Cultural da biblioteca.
Parabéns polo traballo ben feito!










xoves, 18 de maio de 2017

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A HOMOFOBIA

BURBULLA CULTURAL


O xoves 18 de maio, no recreo, terá lugar na Biblioteca unha lectura de microrrelatos por parte de alumnado de 1º e 3º de ESO dentro do PDI dos Descubrimentos e Inventos.

Forman parte da actividade do departamento de Lingua galega e literatura :
Descubríndonos: inventos da vida cotiá. Trátase de recreacións literarias creadas polo alumnado, imaxinando como puideron ser inventados obxectos, ferramentas, utensilios... cos que convivimos no noso día a día.


luns, 1 de maio de 2017

BURBULLA CULTURAL: POESÍA

Este mércores, tres alumnas de 1º e 2º ESO lerán poemas de Fermín Bouza Brey. Convidámosvos a escoitalas na nosa Burbulla Cultural.



luns, 24 de abril de 2017

III COMPETICIÓN DE ROBOTS

Este venres, 28 de abril, terá lugar a III Competición de Robots da Universidade de Vigo. Susana Oubiña, profe de Tecnoloxía do noso instituto, estivo traballando moitísimo para participar neste campionato. Van ser seis os equipos que van competir: tres de 1º de bacharelato e tres de 2º ESO.
Estamos seguras de que o van facer moi ben e esperamos que consigan o premio. 
Déixovos o enlace ao seu facebook: 

Mentras tanto, vos presentamos ás criaturas, estes magníficos robots. E, como di Susana: Cross the fingers!

Moita sorte!









BURBULLA CULTURAL: CONTACONTOS


sábado, 22 de abril de 2017

DÍA MUNDIAL DO LIBRO 2017

Este ano lembramos a Gloria Fuertes no Centenario do seu nacemento e convidaremos ao alumnado e profesorado a uns Versos con sabor a Gloria.


venres, 21 de abril de 2017

GAÑADORAS DO CONCURSO DESCUBINVENTOS

Estas son as nosas gañadoras do Concurso DescuBinventos:

          1º premio: Patricia Cobo
          2º premio: Laura González
          3º premio: Lucía González

Parabéns e disfrutade do premio!



martes, 18 de abril de 2017

CONCURSO DESCUBINVENTOS: PREMIOS

Mañán, 19 de abril, ademais da Burbulla Cultural, faremos entrega dos premios do Concurso DescuBinventos. O primeiro premio é un vale de 120€, o segundo, de 90€ e o terceiro de 60€. Estes vales terán que canxearse nunha tenda de informática. 

Déixovos aquí os pseudónimos do alumnado gañador e toda a información da data e hora de entrega que tivemos que mirar para desfacer o desempate.

Esperámosvos no recreo na Biblioteca!




venres, 7 de abril de 2017

TI COLABORAS, TI INVESTIGAS

Rematada a campaña de recadación a favor da investigación da Biopsia líquida, o Equipo da Biblioteca quere agradecer a toda a comunidade educativa do IES Castro Alobre a súa implicación e colaboración nesta iniciativa. Consideramos que o diñeiro recadado é unha mostra de solidariedade e de apoio á investigación.

Queremos dar un agradecemento especial a "Telas Tule" que se ofreceu a colaborar con nós e, hoxe, nos fixo chegar o recadado no seu comercio.

Grazas, de novo, a todos e todas.





domingo, 2 de abril de 2017

TI COLABORAS, TI INVESTIGAS

O Equipo de dinamización da biblioteca decidiu apoiar a Campaña de micromecenado, Biopsia líquida, dentro do Proxecto Documental Integrado que coordina, "Descubrimentos e Inventos".

Baixo o lema "Ti colaboras, ti investigas" promove a recadación de fondos a cambio de marcapáxinas elaborados polo alumnado do centro. Esta campaña levarase a cabo durante a semana do 3 ao 7 de abril.

Animamos a toda a comunidade educativa a colaborar.


BURBULLA CULTURAL: ELLIOT CEDEÑO


sábado, 25 de marzo de 2017

CLUB DE LECTURA CURUXAINA

O venres 24 de marzo, o Club de Lectura Curuxaina do noso centro visitou o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. O lema baixo o que se celebra este ano o Salón é "O mundo que queremos" e na nosa visita, ademais de ver os traballos que presentaron os centros de ensino que participan nos Salón, reflexionamos sobre a felicidade, a diversidade, a comunicación e sobre a forma de estar neste mundo no que nos tocou vivir.
Tamén visitamos O Garaxe Hermético, a escola de banda deseñada de Kiko Da Silva. Este debuxante falounos do seu proxecto, de como coverteu un taller de motos na marabillosa escola que é hoxe en día. Comprobamos todo o que goza co seu traballo e saímos de alí coa sensación de que ás veces os soños se fan realidade.

Sira Vidal, profesora encargada do Club de Lectura

xoves, 16 de marzo de 2017

DESCUBRINDO A LITERATURA

A semana do 20 ao 24 de marzo adicarémola á Literatura. Estades todos e todas invitadas a participar nas actividades programadas. Poderemos escribir unha historia "Alobriño en busca do invento perdido" ou compartir aquel personaxe dun libro que sempre quixemos ser. Ademais, o Día da Poesía, o martes 21, podes ler un poema que che guste ou asistir, o mércores 22, a unha representación teatral a cargo do grupo de teatro de 1º ESO dentro da Burbulla Cultural.


Anímate a participar!



luns, 6 de marzo de 2017

INVESTIGADORAS EN DEFENSA DA IGUALDADE

Como cada 8 de marzo, a Biblioteca súmase á conmemoración do Día Internacional da Muller Traballora. Este ano, e dentro do noso proxecto "Descubrimentos e Inventos", quixemos lembrar a mulleres investigadoras. Desde logo, terían que estar moitas máis, pero esta é unha pequena mostra do traballo, moitas veces non recoñecido no seu momento, de grandes mulleres.


luns, 6 de febreiro de 2017

LENDO A...LEDICIA COSTAS

Un grupiño de 2º ESO, tras ler o libro de Ledicia Costas, Escarlatina, a cociñeira defunta, deu a súa particular visión acerca do mesmo. Esperamos que este traballo sexa unha invitación a súa lectura.




venres, 3 de febreiro de 2017

CADA OVELLA COA SÚA PARELLA

Esta primeira proba podedes resolvela indo á biblioteca ou mirando con atención estas imaxes. Lembrade que todas as probas saen os venres e o último día de entrega é o xoves seguinte. Non vos esquezades de poñer os vosos nomes e os alcumes e, cando entreguedes a proba, pedide o resgardo de entrega.
  Comeza a investigación. Boa sorte!
Hecho con Padlet

mércores, 1 de febreiro de 2017

DESCUBINVENTOS. COMEZA A INVESTIGACIÓN

Este venres, 3 de febreiro, comezamos un novo concurso  DescuBinventos .   Teredes que amosar os vosos coñecementos acerca dos descubrimentos, inventos, e, por suposto, das persoas que os crearon.

Estade pendentes! A investigación comeza todos os venres na biblioteca e os xoves, como moi tarde, esperamos os vosos resultados. Por cada proba iredes obtendo puntos. As puntuacións exporanse en Eureka. Quen máis puntos consiga obterá como premio 120 € para gastar nunha tenda de informática.

Lede ben as bases e Investigadores, Investigadoras está a punto de comezar...

DescuBinventos




DESCUBRINDO A XURXO MARIÑO

O 24 de xaneiro visitounos o biólogo Xurxo Mariño, para manter un encontro co alumnado de 1º de bacharelato. Entusiasmou a todos e todas as presentes coas vivenzas do seu longo percorrido polos cinco continentes.

O EDNL, que organizou este acto en colaboración coa biblioteca, fixo na súa páxina web un estupendo resumo do que foi esta xornada. Déixovos a ligazón na que podedes ver os acontecementos máis destacados da súa visita.


E, tamén, asinou no libro da biblioteca e un exemplar do seu libro Neurociencia para Julia.